O día das Letras Galegas:
Antes de falar do homenaxeado deste ano, imos adicar unhas liñas ao Día das Letras Galegas.A celebración do día das Letras Galegas, cada 17 de Maio, foi instituída no ano 1963 pola Real Academia Galega para conmemorar a publicación do libro de Rosalía de Castro " Cantares Gallegos", un 17 de Maio de 1863 e homenaxear a algún escritor ou escritora en lingua galega.
"Cantares Gallegos", está considerada como a obra literaria que inicia o "Rexurdimento" da literatura e da cultura galega moderna.
A proposta de celebrar ese Día foi formulada por tres membros da Real Academia Galega, Manuel Gómez, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego.
A primeira escritora homenaxeada, no ano 1963, foi a mesma Rosalía de Castro seguíndolle en anos posteriores: Alfonso Castelao, Eduardo Pondal, Francisco Añón, Curros Enríquez, López Cuevillas...
A Real Academia Galega celebrou o pasado 2006 os seus cen primeiros anos de historia.
Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez, dende Habana, deron os primeiros pasos para a creación dun organismo que loitara pola lingua e a cultura galega e así, un 30 de setembro de 1906 celebrouse no salón de actos da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña a constitución e primeira reunión da Real Academia Galega.
A primeira sede foi no Pazo Municipal de A Coruña, pasando posteriormente a un edificio da Rúa Tabernas, propiedade dunha das académicas, a condesa de Pardo Bazán.
O seu primeiro presidente foi Manuel Murguía, marido de Rosalía de Castro
(Información tomada de Seminariogalan.org)
" Xose F. Filgueira Valverde"
Agora si, imos falar do homenaxeado deste ano 2015
XOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE (Pontevedra 1906-1996). (Fundación Filgueira Valverde)
Sendo estudante en Pontevedra, desde os 13 anos, asiste ás xuntanzas de Losada Diéguez, Castelao e Casto Sampedro e ás de Pérez Costanti e Cotarelo, en Compostela, apaixonándose polo traballo de campo en equipo e interdisciplinar. De contado comeza a investigar e publicar e, antes dos 19, anos xa é correspondente da RAG.
Acada a Licenciatura en Historia en 1927 (Zaragoza) e en 1928 (Santiago) a Licenciatura en Dereito con Premio Extraordinario; en 1935 (Madrid); o doutoramento en Lingua e Literatura Galego-Portuguesa coa tese La Cantiga CIII: noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval). Tamén no 1935, aproba a Cátedra de Instituto de Lingua e Literatura Española. Catedrático en Lugo primeiro e dende 1939 en Pontevedra (director entre 1946-1976).
Participa na creación, en 1923, do Seminario de Estudos Galegos; en 1927, do Museo de Pontevedra (director entre 1940-1986); en 1944, do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos (presidente en 1972); en 1948, da pioneira Editorial Bibliófilos Gallegos; do Consello da Cultura Galega (presidente dende 1990); na recreación, con Díaz Pardo, do Seminario de Estudos Galegos (1978); na orientación cultural da Fundación Barrié.
Colabora (1936-1957) na elaboración d’O Gaiteiro de Lugo, folleto que fai monolingüe galego (chegáronse a vender 50.000 exemplares). Ordena e edita o Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro (1942) e o Inventario de la riqueza monumental y Artística de Galicia; intervén na edición do Cancioneiro de Bal y Gay; e impulsa a primeira tradución da Biblia ó galego.
Investigador, escritor e xestor cultural, Filgueira (membro dunha ducia de Academias galegas, españolas e estranxeiras), contribuíu á comprensión do que foi, é e pode ser Galicia.
PRESENTACIÓN DE XERMÁN TORRES PARA AS ESCOLAS:
Ao longo desta semana publicaremos recursos educativos para traballar tanto na escola como na casa a vida e obra do señor Filgueira e pouquiño a pouco xurdirán máis sorpresas que temos agochadas.
Deica pronto!
Ningún comentario:
Publicar un comentario